sexta-feira, 11 de dezembro de 2015

Manuel Rodríguez López 2

Galicia é paisaxe

Sei de moitas promesas e ditos
incumpridos ó longo dos anos.
Sei de xentes que dan noraboas,
parabéns e saúdos falsarios.
É verdade que trunfa a cobiza
e que existen milleiros de ananos.
Ousadía, desdeixo, intereses,
sanguesugas, lambóns, desleigados...
Cánto fede na nosa Galicia
dende tempos remotos, lonxanos.
Non me extraña que certos poetas
entretezan lamentos e prantos,
que a denigren e clamen de cote
confundíndoa con tanto fillastro...
 

O solpor, a calor e os nubeiros,
as devesas, as chairas e os castros,
os picoutos, as veigas e as agras,

as sen par carballeiras e os soutos,
as saraibas, os tronos e raios...
¡Esa é a miña Galicia inmortal
noiva e nai rebordante de engados!
Amarelos de xestas e toxos,
verdes fortes, escuros e claros,
cor pizarra, granito e cereixa,
auras frescas, xeadas e orballo...
Regalía da vista e do espírito,
farturentas paisaxes e encantos...
iso é a Terra, a Galicia ancestral
que pretenden zuga-los ananos.


"Onte e Hoxe Vivencial", Manuel Rodríguez López

(Manuel Rodríguez López nasceu no dia 11 de Dezembro de 1934. Morreu em 1990.)

Sem comentários:

Enviar um comentário