quinta-feira, 21 de janeiro de 2016

Aníbal Otero 2

Os Consellos traballaban ó mesmo tempo cós piquetes da morte.
A primeira tanda dende que Esmoriz baixou ó patio xuntou persoas de moi distinta situación. Todos calaban ou protestaban sinceramente a súa inocencia. Un deles era Don Alexo, un médico libertino do que Esmoriz, home enxebre, consideraba que o castigo era xusto. Molestábao que mentres el se abstiña con dolorosos esforzos esperando o momento de ser bastante perfecto e forte para aspirar a unha perfección ideal, outros se lle adiantasen leda e despreocupadamente, sen pena ningunha, no camiño. Esmoriz o deleite inmoderado só o aceptaba unha vez coñecido o mundo, pero non así alodando a súa pureza, coa única que ofrecía posibilidades ó coñecemento. Tamén antes do Consello manifestara un optimismo ferinte; e ó considerarse fóra dos perigos que ameazaban a todos, considerábao tamén excluído das posibilidades de salvación a que daba dereito o sufrimento.
Non embargante, cando ó día seguinte foi pola mañá á súa cela antes del erguerse e lle relatou o resultado do Consello, Esmoriz recolleu profundamente a imaxe do instante, con el na porta entreaberta, pálido e sereno. A lección de dominio sobre si mesmo igualábao ós seus ollos coa luz da mañá, sen necesidade do esforzo de repara-las dúas imaxes, senón trasfundíndoas unha na outra. E as engradas asomáronlle ós ollos naquel espertar. Don Alexo ollouno e Esmoriz quedou no seu entender desculpado de non dicir nada.

"Esmoriz", Aníbal Otero

(Aníbal Otero nasceu no dia 21 de Janeiro de 1911. Morreu em 1974.)

Sem comentários:

Enviar um comentário