quinta-feira, 24 de agosto de 2017

Carlos Casares 2

Agora, transcorridos dez días da morte de Carlos, a imaxe dese ruído segue dentro de min, agrandada ademais polo sentimento de que el se foi daquela maneira inesperada, como se partise de viaxe para sempre sen avisar, fuxindo pola noite, amparado pola escuridade e sen dicirme adeus, como un ladrón. Pechada eu soa nesta vella biblioteca, paso horas ordenado papeis, movendo libros dun sitio para outro, ou simplemente sentada na butaca de coiro que está ó pé da ventá que se abre cara ó río, pero coas contras arrimadas porque me molesta a luz do sol. Refuxiada na penumbra, penso en Carlos, naquel ruído de noz cascada que me espertou xusto cando me acababa de deitar, poucos minutos despois de despedirnos no medio do salón. Pero sobre todo penso no Carlos que coñecín aquí nesta casa hai preto de vinte anos, cando eramos nenos e el veu pasar o primeiro verano con nós, invitado pola miña nai. As lembranzas de todo ese tempo soben e baixan pola miña memoria, ás veces desordenadas e confusas, como un rabaño atacado polo lobo, e outras veces claras e precisas, mesmo como se fosen vivencias en relevo, igual que se máis alá desa fiestra entornada que me defende da intensidade deslumbrante do sol, o mundo fose de novo aquel que era, aqueles días felices de tantos veráns azuis que pasamos xuntos na casa de Beiro, esta mesma casa onde vivo desde que casei.

"O Sol do Verán", Carlos Casares

(Carlos Casares nasceu no dia 24 de Agosto de 1941. Morreu em 2002.)

Sem comentários:

Enviar um comentário