terça-feira, 1 de agosto de 2017

Luís Bouza Trillo

O polisón
 
Pois, señor, foi o caso que San Pedro alcontrouse un día sin saber en que pasa-lo tempo, pois polas portas da mansión celeste non asomaba nin unha rata.
- Señor - díxolle ó Padre Eterno - si a Vosa Maxestad mo permite, quisera dar unha voltiña por alá abaixo, polo mundo, a ver que novedades hai.
- Vaite, Pedro, e coida de non entreterte moito por si vén algún bienaventurado. San Pedro colleu o seu caiado, que en feitura de moca tiña arrimado nun rincón da portería, cerrou a porta por si mentras el estaba fóra entraba algún que non tivese a concencia limpa, e ala que ala veuse pra eiquí abaixo.
Adonde irei e adonde non irei, chamou á porta dun señor mui fachendoso que vivía nunha vila prencipal.
- Tun, tun.
- ¿Quen é? - perguntou a filla máis nova do señor aquel.
- Un probe pelengrín que non ten onde pasa-la noite.
- Suba, irmán, que eiquí lle daremos cama e cena.
Entrou San Pedro e cenou con tódolos da casa, que por certo trataban que o pasase ben.
E comer comeu como un bendito que era; mais ó proba-lo viño perguntou de que taberna o gastaban.
- Señor pelengrín, élle da taberna de aí ó lado.
- ¡Como asome o morro ese taberneiro por alá - murmurou o santo, polo baixo - doulle coa porta nos fuciños por ladrón. Este nin é viño nin Xuncras que o leve!
[...]

Luís Bouza Trillo

(Luís Bouza Trillo nasceu no dia 1 de Agosto de 1869. Morreu em 1941.)

Sem comentários:

Enviar um comentário