terça-feira, 13 de março de 2018

Lois Tobío

A viaxe de Viveiro a Santiago fixémola no automóbil da liña deica Baamonde onde tomamos o tren para Curtis e aquí outra volta o automóbil no que chegamos a Santiago, case todo o día sobre rodas. Eramos sete, meus pais e cinco cativos: a miña irmá Ofelia quedara a vivir cos tíos Aristegui e Matilde que non tiñan fillos. As dúas partes do camiño que fixemos en automóbil foron un tormento para a miña nai e para nós os pequenos porque nos mareamos. Aquel abaneo pola estrada de terra e morrillo, chea de fochancas, e, máis ca nada, o cheiro de gasolina puxéronnos á miseria e non parábamos de golsar. En troques, o treito no que fumos no tren, que marchaba lene e coma esvarando, fora un alivio. O noso pai levaba un tollepó caqui que lle chegaba ata os pés e miña nai tamén un tollepó anque máis feituco e un chapaeu de ancha aba que sostiña cun longo echarpe de gasa añudado en baixo do bico. Levábamos pouco bagaxe, duas malas e dous cabases soamente porque os baús coa roupa e os libros, cadros, mobles e trebellos e demáis cousas da casa ían nunha zorra tirada por cabalos que se contratara cun señor Muriel que se adicaba a transportes.

"As Décadas de T. L.", Lois Tobío

(Lois Tobío Fernández nasceu no dia 13 de Junho de 1906. Morreu no dia 13 de Março de 2003.)

Sem comentários:

Enviar um comentário